
Participar na construción dun relato colectivo, asumindo a responsabilidade de visibilizar un referente histórico supón integrar un nutrido número de artistas nun proceso creativo común que non sempre resulta doado xestionar. A priori, cando menos. Parta vostede dunha dramaturxia capaz de xerar sorpresa no espectador, unha dramaturxia que vaia moito máis alá da simple achega didáctica e engádalle unha dirección que potencia as facultades interpretativas dun elenco de actores, músicos, cantareiras e bailaríns sobrado de talento e complicidade para tecer un musical que acada o dobre obxectivo de entreter o espectador e poñer en valor o legado vital e literario de Avelina Valladares.
Dende os seus comezos, o teatro nutriuse de feitos e personaxes históricos para contar historias. Pero no caso de Os seráns de Vilancosta nin dramaturxia nin posta en escena se limitan só a recrear un tempo e unha figura histórica senón a explicar a muller contemporánea dende a irredenta personalidade doutra muller que fixo da valentía, da insubordinación e da entrega aos demais os seus sinais de identidade. Unha muller que aspira a formarse, a escachar prexuízos e asumir responsabilidades en principio relegadas ao sexo oposto. Unha muller capaz de decidir sobre si mesma.
Magnífica Chus Picallo nese rol de intelixencia e fortaleza. O trazado da súa personalidade escénica debuxa á perfección os perfís psicolóxico e sociolóxico da cantora da Ulla á que encarna. Tras ela, un elenco de actores e actrices equilibrado e ben instalado no vestiario e formulismo fidalgo. E tras os actores un fermosísimo diálogo entre a música popular e cancioneiro culto que enmarca á perfección os intereses artísticos dos Valladares e que é quen de transmitirnos toda a emoción, todo o fervor e a vocación poética da Galicia do Rexurdimento.
É certo. Participar na construción dun relato colectivo é máis doado cando realidades coma Tequexetéldere ou a EMAE, amparadas e impulsadas polo paraugas da Fundación Cultural e o Concello da Estrada soñan unidas, tecen unidas, e traballan unidas a prol da emoción, no propósito de facer parada e fonda na memoria colectiva.
XLueiro