Paralelamente á actividade docente, a EMAE ten asignada unha unidade de produción propia coa finalidade de medir, no ámbito do teatro afeccionado, ás novas remesas de actores estradenses diante do público.

Foron moitas as parroquias estradenses e as vilas galegas (Vilagarcía, Salvaterra de Miño, Santiago de Compostela, O Grove, Sanxenxo, Silleda, Valga, Cuntis, Cerdedo, Forcarei, Vedra, Meis, Moraña, Piloño, Braga...) nas que ten traballado a agrupación da Escola, preferentemente polo circuíto de teatro afeccionado.

 

 

MEMORIA DE ESPECTÁCULOS REALIZADOS

 

1-Criaturas (Grupo de adultos, anos 2008-2010).

Texto escrito por Sergi Belbel e dirixido por Anabell Gago. Contou coa presenza actoral de Gonzalo Valcárcel, Ánxela Sanmartín, Fran Campos, Mercedes Martínez, Mª Jesús Sánchez, Pablo García, Antía Regueira, José  Luis Valcárcel, Fran Ameixeiras, Lorena Rozados, Sali Torres e Celeste Tato. Este espectáculo foi premiado no I Festival de Teatro non Profesional de Cuntis co 2º premio (2009).

 

2- A ruleta rusa (Grupo de adultos, anos 2011-2012)

Texto de Anton Chejov dirixido por Xosé Lueiro e interpretado por Sali Torres, Antía Regueira, Ánxela Sanmartín, Gonzalo Valcárcel, Toño Pena, Eva Iglesias, Mª Jesús Sánchez e Mercedes Martínez). O espectáculo transcorre nun tempo e espazo atemporais e plasma os cambios que a Rusia e a Europa de finais do séculos XIX experimentan emprendendo o seu camiño cara á modernidade e a industrialización; e como estes cambios afectan ás relacións sociais, desnudando as virtudes e defectos máis comúns do ser humano: o autoritarismo, a submisión, o amor, o diñeiro... 

 

3-Voa (Grupo xuvenil e de adultos, anos 2017-2018)

Texto orixinal de Xosé Neira Vilas, adaptado por Ana Carreira e dirixido por Xosé Lueiro que conta coa colaboración dos bailaríns, cantareiras e músicos de Tequexetéldere e cos actores Anabell Gago, Chelo do Rejo, Mariña Pena, Sheila Carbia, Diego Valcárcel e Gonzalo Valcárcel da EMAE. Este musical serviu para homenaxear ao autor de Gres (asiduo colaborador da Escola) e para celebrar o 15 aniversario da EMAE. O espectáculo estreouse o 17 de febreiro do ano 2017 no Teatro Principal a Estrada xuntando a un total de 40 artistas sobre o escenario. Un ano máis tarde, representou a Galicia na Semana das Convergencias Culturais Portugal-Galicia en Braga (Portugal).

 

4-Contiños da terra (Grupo de adultos + Juan Ruibal + cantareiras de Tequexetéldere / Ano 2019)

O 27 de abril do ano 2019, no Teleclub de Callobre, estreouse a adaptación teatral da obra de Manuel García Barros Contiños da terra adaptada e dirixida por Santiago Cortegoso para a Escola Municipal de Artes Escénicas. Unha peza interpretada por Chelo do Rejo, Fran Campos e Gonzalo Valcárcel coa colaboración do acordeonista Juan Ruibal e a achega das cantareiras de Tequexetéldere que formou parte da programación da Semana de Convergèncias Culturais Galiza-Portugal realizada en Braga. Coa montaxe deste espectáculo, celebrouse a trixésimo edición da convocatoria do Premio de Novela Manuel García Barros.